A actualización do Dicionario da Real Academia Galega é constante a través do Seminario de Lexicografía da institución, formado por membros numerarios, correspondentes e persoal técnico. Pero a mellora desta ferramenta indispensable da nosa lingua en ocasións non é só labor de lingüistas e faise imprescindible a cooperación de especialistas noutras disciplinas. É o caso da revisión e actualización de léxicos especializados como o matemático, un labor que acaba de concluír grazas á colaboración de dez expertos e expertas das tres universidades galegas, o Instituto Galego de Estatística e o ensino medio. O traballo concrétase en 168 termos: parte deles son entradas novas, outro grupo son conceptos matemáticos que se incorporan con acepción propia a entrada de termos que xa figuraban no Dicionario e tamén se reelaboran definicións e exemplos. Todas estas achegas poden consultarse xa na versión en liña do Dicionario da Real Academia Galega.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, presentaron hoxe en rolda de prensa este traballo xunto a María Victoria Otero Espinar e Xosé Masa, profesora de Análise Matemática e catedrático de Xeometría e Topoloxía da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Carlos Luís Iglesias Patiño, estatístico do Instituto Galego de Estatística. Os tres son parte do equipo que elaborou o informe sobre o léxico matemático do Dicionario, un grupo que completan Xusto Rodríguez, técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC, e Celso Rodríguez, profesor de Álxebra da mesma institución; Iván Area Carracedo, profesor de Matemática Aplicada da Universidade de Vigo; Miguel Brozos Vázquez e Andrés Pietro Aneiros, profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña; Cibrán Arxibai Queiruga, profesor da mesma disciplina no IES Pintor Colmeiro de Silleda; e Sandra Sambade Nieto, docente no IES Monte da Vila do Grove.

O presidente da RAG recordou que a comunidade matemática é desde hai décadas "especialmente sensible á incorporación da lingua á modernidade" e agradeceu o labor das persoas que revisaron o Dicionario da Academia desde esta disciplina. "É un traballo de moita dedicación e moita xenerosidade, feito por amor á lingua e polo compromiso que significa o avance e a modernización do país", expresou Víctor F. Freixanes. O responsable do Seminario de Lexicografía agradeceu tamén o "altruísmo" co que este traballo foi feito e gabou a "solidez" das achegas. "Espero que isto sexa o inicio dunha colaboración que continúe no futuro", engadiu Manuel González, que lembrou que "para a elaboración do léxico especializado é totalmente imprescindible a colaboración de lingüistas e de especialistas en cada área".

María Victoria Otero Espinar recordou que a idea de revisar o léxico matemático do Dicionario xurdiu nunhas xornadas de lingua e matemáticas celebradas na Facultade de Matemáticas da USC en 2013, unha das iniciativas postas en marcha pola comisión de normalización lingüística deste centro.