A Real Academia Galega (RAG) acaba de abrir o prazo de preinscrición nos Cursos de verán de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras. A solicitude de prazas poderá realizarse ata o vindeiro 6 de abril. A XXXI edición do programa dirixido a persoas de fóra de Galicia desenvolverase do 2 ao 24 de xullo de 2018 en Santiago.

Os cursos organizados pola RAG lévanse a cabo coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Desde a súa creación en 1988, pasaron polas súas aulas preto de tres mil persoas procedentes de todo o mundo, e que gozaron dunha experiencia de inmersión no idioma e na sociedade galegas durante o mes de xullo. Moitas delas hoxe desenvolven un labor destacado no eido dos estudos galegos fóra de Galicia, e que exercen de auténticos embaixadores da cultura galega.

O folleto cos detalles desta nova convocatoria pode descargarse no portal web da RAG ( https://academia.gal).