Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego e membro da Real Academia Galega (RAG), faleceu onte en Santiago de Compostela, segundo informaron ambos organismos a través de sendos comunicados.

Desde o Museo do Pobo Galego, que dirixía desde o ano 1999, destacouse que Carlos García, nacido en Santiago de Compostela en 1945, era mentor e fundador desta empresa colectiva á que dedicou toda a súa vida e unha persona comprometida co país, sendo, entre outros, patrón fundador da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro, académico correspondente da Academia Galega e presidente do Consello Galego de Museos.

Ao longo da súa traxectoria foi tamén membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da comisión xestora do novo Seminario de Estudos Galegos, así como socio fundador da Asociación de amigos do Museo de Castro de Viladonga.

Estudoso da historia e da arqueoloxía galega recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en 1999 polo seu traballo a favor da cultura de Galicia.

Pesar na RAG

Tamén a Real Academia Galega (RAG) lamentou o falecemento de Carlos García Martínez, membro correspondente da institución desde 1972. Desde a RAG destácanse as súas achegas no ámbito da arqueoloxía e a etnografía de Galicia.

A Xunta sumouse ao pesar polo falecemento do compostelán, facendo "un recoñecemento público da relevante achega de Carlos García Martínez á cultura e a sociedade galegas durante estas últimas décadas", e subliñando "a súa devoción e compromiso co país".

Capela ardente e enterro

A capela ardente de Carlos García Martínez estará instalada no Museo do Pobo Galego desde hoxe ás 16.00 horas. O enterro do historiador e académico celebrarase en Santa María de Figueiras (Santiago de Compostela), o luns ás 17.00 horas.