A partir de hoxe, os espectadores da tvG2 teñen unha cita, de luns a venres, ás 19.15 horas cunha nova serie, Morangos com açúcar, produción portuguesa que estivo en emisión durante dez anos na canle TVI na que foi líder na súa franxa horaria, sobre todo entre o público xuvenil.

Esta ficción é a primeira que a Crtvg emite en portugués na súa versión orixinal, con subtítulos en galego. A telenovela, orixinal da productora Casa da Criaçao, consta de 120 capítulos, dunha duración de 50 minutos cada un, que se emitirán de xeito íntegro na segunda canle da TVG.

Morangos com açúcar é un produto xuvenil, apta para todos os públicos que foi un grande éxito en Portugal durante dez anos, chegando a acadar un 60% de cota de audiencia na faixa de 4 a 24 anos. Baséase nas vidas dun grupo de mozos do Colexio das Descobertas, un instituto moi dinámico cuns métodos innovadores, onde ten lugar boa parte da trama. As praias de Cascais serán tamén escenarios recorrentes, onde os protagonistas practicarán surf e pasarán o seu tempo de lecer.

A serie xira arredor do triángulo amoroso que forman Pipo e Ricardo, amigos dende a infancia e con situacións ben distintas. O primeiro, orfo e ao cargo de 3 irmáns e o segundo, fillo único sen preocupacións. Ambos loitarán polo amor de Joana, compañeira de clase. O amor, pero tamén o drama, a paixón ou o humor serán os principais ingredientes da serie que se emitirá cada tarde, de luns a venres, na tvG2.