Baixo o título de O Sal do Grove, Pescadores de Historias dedica a edición de hoxe ao porto do Grove, onde as fábricas de salgadura foron determinantes na vida desta localidade e de toda a comarca do Salnés. O espazo indagará na importancia da salgadura do peixe para o Grove.

No Grove atópanse recuperados os edificios de dúas antigas fábricas de salgadura, emprazadas en Punta Moreiras, estes edificios rehabilitáronse e instalouse neles o Museo da Pesca e da Salga, como un espazo dedicado amplamente á cultura mariñeira do Grove, inaugurado en 2007, e do que se conversará co seu director, José Luis Escalante.

A posta en marcha do museo foi un interesante proceso, do que falarán Miguel Pérez, alcalde do Grove naquela época, e na actualidade presidente da Asociación de Amigo das Salgadeiras de Moreira, e Manolo Ochoa, que era o presidente da Comunidade de Montes.

Á salgadura precédea o traballo do mariñeiro no mar, pescando o peixe que logo se vai salgar, así que se falará con Pepe Fontoira, mariñeiro que coñeceu ben a época da salgadura. Outros convidados involucrados neste proceso serán Paco Fuentes, un traballador das antigas fábricas de salgadura; Antonio Lois e Estrella Gómez, que no verán e nas festas do Grove fan demostracións de como se fai a salga, e Antonio Rey, do restaurante Antoxo, cociñará de xeitos diferentes as sardiñas típicas do Grove.