A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai colaborar coa Asociación de nenos e nenas con diabetes de Galicia (Anedia) co fin de mellorar a atención ao alumnado con esta problemática. O conselleiro Román Rodríguez e a presidenta de Anedia, Ana Isabel Pérez, ratificaron hoxe o acordo que inclúe actuacións que permitan un maior e mellor coñecemento desta enfermidade e, deste xeito, unha mellor atención no ámbito escolar aos rapaces que a padecen. Deste xeito, a Consellería comprométese a promover a formación do profesorado neste eido, tanto no que atinxe ao coñecemento da diabetes así como á promoción de hábitos de vida saudable, cuestión para a cal contará co apoio dos profesionais de Anedia, que poderán colaborar cos propios centros escolares. As actividades incluirán campañas de sensibilización e difusión de materiais que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas á diabetes. Este acordo forma parte dunha das liñas estratéxicas da Consellería, que é a de traballa con entidades especializadas na atención a colectivos con necesidades educativas específicas para deseñar unha acción integral ás súas peculiaridades e, avanzar nun sistema educativo inclusivo, que dea unha resposta á diversidade do alumnado.

Na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 a Consellería puxo en marcha o protocolo de atención en urxencias sanitarias e educativa ao alumnado con enfermidade crónica, o cal incorpora unha addenda específica de atención ao alumnado con diabetes.