Os Bolechas súmanse as celebracións do Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega (RAG) presentou onte na Coruña un novo libro, protagonizado por esta particular familia, sobre a autora a que se lle dedica este ano o 17 de maio, María Victoria Moreno. Pero ademais Os Bolechas estrearán nova serie na Televisión de Galicia, baseada na colección As miñas primeiras Letras Galegas.

"A iniciativa dos Bolechas non é nova. Cadra moi ben co espírito da autora a quen este ano a RAG dedica o Día das Letras: unha escritora, editora e mestra preocupada por fornecer de material aos rapaces e rapazas máis novos, que empezan a descubrir a lectura e a lingua como unha festa, na que podemos participar todos e todas", expresou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, durante a presentación á que acudiron rapaces dun colexio coruñés que puideron visionar un capítulo da nova serie.

Pola súa banda, Antonio Couto, de Edicións Bolanda lembrou que o novo libro sobre María Victoria Moreno é xa "o noveno título da colección Letras Galegas, tras Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Ánxel Fole, Rosalía de Castro, Manuel María e Carlos Casares". Tamén subliñou a importancia do novo proxecto audiovisual "para achegarlles as figuras senlleiras da nosa literatura ás nenas e aos nenos a través dun medio amigo para eles como é a televisión".

A serie permite darlles vida ás historias creadas por Pepe Carreiro para os libros e estender a difusión desta relevante colección infantil e, por tanto, dos autores e autoras protagonistas da mesma. Os capítulos da famosa familia Bolechas dedicados á figuras homenaxeadas pola Real Academia Galega poderán verse no Xabarín Club na semana das Letras Galegas.

No caso de María Victoria Moreno, tanto o libro como o capítulo da serie adicado a ela ten como base o primeiro libro da escritora, Mar adiante, do ano 1973. A historia fala dunha escola barco e como é habitual na colección sobre galardonados no Día das Letras Galegas dos Bolechas, a obra enriquecerase con fragmentos do libro orixinal. "O obxectivo é que se acheguen á linguaxe da autora", din na RAG.