09 de mayo de 2018
09.05.2018

O plenario da RAG 'rexuvenece'

A Academia abre os seus 'Encontros' coa xente nova escoitando ao alumnado coruñés do proxecto '21 días co galego'

09.05.2018 | 12:51
Alumnos participantes no programa ´21 días co galego´, onte, na sede da RAG.

A Real Academia Galega (RAG) abriu onte as portas ao alumnado do Colexio Fogar de Santa Margarida da Coruña e do IES da Pobra do Caramiñal na primeira xuntanza dos Encontros da RAG coa xente nova. "Con esta iniciativa, a institución pretende achegarse a novos sectores da cidadanía, fundamentalmente xente nova, desde estudantes a profesionais de diversa procedencia, que queiran participar xunto a membros da Academia nun espazo de reflexións e debate sobre o presente e o futuro do idioma", explicou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

A iniciativa, que se desenvolverá en distintos lugares de Galicia baixo a coordinación do Seminario de Sociolingüística da institución, botou a andar da man de rapaces e rapazas que participan en 21 días co galego, un proxecto que anima a expresarse en galego durante tres semanas, todo o día e con todo o mundo, a persoas que se atopan nun tramo de idade crucial para o futuro da lingua, e no que o proceso de substitución lingüística do idioma propio do país polo castelán se acelerou notablemente nos últimos anos: segundo os últimos datos, só o 25 % da poboación de 5 a 14 anos emprega como lingua habitual o galego ou máis galego que castelán.

A xuntanza tivo lugar nas vésperas do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno, escritora, docente, editora, tradutora e activista da lingua que guiou en boa medida a súa traxectoria na procura de vieiros que achegasen o galego ás xeracións máis novas. Este é tamén o reto de 21 días co galego, unha iniciativa que merece visibilidade social. "É moi importante que continuedes, contades co apoio da Academia incondicionalmente", agradeceu Víctor F. Freixanes aos seus promotores, que animaron a que se imite noutros centros educativos. "Esta é unha experiencia para compartir, ofrecemos todo o material dos nosos blogs para quen queira dispoñer del", expresaron a profesora do IES da Pobra do Caramiñal Pilar Ponte e o profesor do Colexio Fogar de Santa Margarida Carlos Medrano.

O coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, salientou tamén a importancia de que se apoien experiencias deste tipo: "O galego non só necesita de estudos e análises, tamén necesita iniciativas en positivo. Temos que ser capaces de demostrarlle á sociedade galega que somos quen de mellorar a situación do idioma, que somos quen de dar pasos para adiante". O académico valorou que 21 días co galego incida na competencia lingüística, pero tamén na motivación e nas ocasións de uso da lingua, un aspecto este último no que insistiu o alumnado participante no encontro, que criticou os prexuízos lingüísticos e reclamou, entre outras medidas, máis campamentos nos que a lingua vehicular sexa o galego, a tradución de supervendas da literatura ou a dobraxe dos éxitos cinematográficos.

21 días co galego naceu no IES da Pobra do Caramiñal en 2012, da man de Pilar Ponte, co obxectivo de que o seu alumnado acadase unha maior competencia en galego e unha mellor conciencia lingüística a través de actividades variadas, parte delas lúdicas sempre concibidas para levar o idioma a todo tipo de eidos, especialmente aqueles onde nunca estivera na vida dunha parte importante dos e das adolescentes. Desde 2014 é un proxecto de centro que implica a todo o alumnado de ESO e bacharelato, e no que nalgunha edición chegaron a participar máis de corenta docentes, a ANPA e mesmo a comercios do municipio e o propio Concello da Pobra do Caramiñal. No ano 2015 recibiu o Premio á innovación educativa en normalización lingüística. O programa atopou réplica en 2016 no Colexio Fogar de Santa Margarida, nun contexto fortemente castelanizado como é o centro urbano da Coruña no que, baixo a coordinación do profesor Carlos Medrano, tamén está a dar bos froitos entre os mozos e mozas que deciden sumarse a esta experiencia.

As tres semanas nas que se reta os alumnos e alumnas a viviren en galego serven para perfeccionar o uso da lingua oral, como se pode comprobar nos vídeos que gravan a diario repasando como lles foi a xornada. Pero estes testemuños deixan ver outros logros aínda máis importantes polos que se interesaron os membros da RAG: a reflexión persoal que cada alumna e alumno realiza sobre a relación que ten co galego desde a súa situación vital concreta, sobre os prexuízos propios e da súa contorna e os que atopan noutros eidos, ou os avances que acadan para combatelos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario