A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licita a obra de rehabilitación enerxética do CPI Plurilingüe Fonte Díaz, de Touro, por 620.000 euros e un prazo de execución de dous meses e medio. Este colexio data do 1974 e a súa tipoloxía construtiva típica desa época presenta perdas térmicas na envolvente pola carencia do illamento axeitado. Ademais, o deseño de planta do edificio principal fai que as aulas presenten un soleamento moi variado en función da súa orientación. Logo do estudo enerxético da Consellería, detectáronse deficiencias relativas a filtración de aire na envolvente do edificio, de humidades nas ventás e nas caixas das persianas e de baixa iluminación natural nas aulas. A actuación, cofinanciada con fondos Feder, afectará ás fachadas, cuberta, carpinterías, luminarias e outros elementos. Deste xeito acometerase o illamento térmico da fachada exterior, a substitución da cuberta e o illamento de forxado no baixocuberta, a renovación das ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas suporán un aforro enerxético anual do 29%.

Tamén se substituirán os falsos teitos en mal estado, e repararase e pintado de paramentos interiores. Esta rehabilitación integral do CPI Alfonso VII enmárcase no plan de mellora da eficiencia enerxética posto en marcha en 2016 en toda Galicia, e que neste ano suporá un investimento de preto de 4,5 millóns de euros.