A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Alcoa, coa colaboración de LA OPINIÓN, participan un ano máis no programa A Coruña Emprende para promover o espírito emprendedor no alumnado e fomentar o desenvolvemento de características persoais como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos, a responsabilidade e a innovación. Unha das partes deste proxecto é o programa Lanzadeiras Coruña enfocado á creación de proxectos de miniempresas en centros educativos públicos de ensino non universitario da comarca da Coruña.

Nesta edición son cinco os centros educativos seleccionados para participar na cuarta edición de Miniempresas Coruña. O CIFP Someso da Coruña é o único que presentará dous proxectos. Xunto con este centro tamén traballan nesta iniciativa con cadanseu proxecto o CIFP Paseo das Pontes, o IES Universidade Laboral de Culleredo, o CIFP Ánxel Casal e o IES Isaac Díaz Pardo.

Ademais da creación de miniempresas levaranse a cabo actividades formativas para alumnos e profesores para preparalos nas competencias relacionadas co emprendemento xunto con visitas a empresas. Entre as xornadas de formación para o alumnado destacan as charlas Aprender a Emprender impartidas por Alejandra Sánchez, responsable de Bével Consultores, unha entidade adicada ao entrenament en habilidades a través da formación e o coaching.

A experta traballou o pasado marzo neste taller cos alumnos do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, en abril no IES Universidade Laboral de Culleredo e o pasado martes no CIFP Paseo das Pontes. Sánchez tratou de explicarlles aos asistentes ás tres xornadas que á hora de decidirse a emprender o habitual é atoparse cunha situación "nova e descoñecida" e moitas veces mesmo sen apoio do entorno. Emprender é, por tanto, "un camiño longo, cheo de retos e cousas que aprender nun proxecto con distintas etapas". Por iso, neste taller a fundadora de Bével Consultores abordou os erros e acertos máis comúns cando un quere converterse en emprendedor, así como sa actitudes, aptitudes e habilidades que se deben potenciar para converter a idea nunha realidade de éxito. Algunhas das claves son -sinala- unha actitude positiva e saber transmitir a idea e a paixón polo proxecto para poder diferencialo da competencia. Ter unha boa idea e aprender a buscar a mellor ademais de contar con flexibilidade para adaptarse a todos os cambios que implica ser emprendedor son, segundo Sánchez, outros dos moitos aspectos a ter en conta antes de embarcarse nesta aventura empresarial.

Unha das partes do taller consistiu precisamente en xerar espazos comúns para desenvolver ideas claves para emprender. E a segunda parte, centrouse en contar desde a experiencia da ponente coa súa propia empresa a súa historia como emprendedora ata a etapa actual cos seus erros e acertos para descubrir con este exemplo as claves do emprendemento aprendidas antes. Desta forma, os alumnos tomaron conscienca das dificultades que poden atoparse á hora de emprender pero tamén das actitudes que precisan para extraer unha idea de negocio recurrindo a distintas fontes e convertila nunha empresa.