Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite a película para televisión Cont ou Rosalía, a primeira ficción sobre a vida da ilustre escritora Rosalía de Castro, coa que se pretende ofrecerlle ao público televisivo unha nova ollada sobre quen segue a ser un mito, un dos símbolos de Galicia máis vivos no imaxinario colectivo.

Ambientada no Madrid de mediados do século XIX, a propia Rosalía contará como foi a súa vida social, como viviu a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía.

Á capital de España chega a duquesa da Gloria, unha aristócrata de provocante singularidade. Por asuntos de familia, tamén está na cidade a escritora feminista Rosalía de Castro, que se dedica a facer vida social e a escribir. Madrid convértese nun fervedoiro de ruxerruxes políticos e é testemuña do reencontro entre Rosalía e Murguía. Á calor da común preocupación polas xentes e a cultura de Galicia, nace entre eles unha paixón e un fondo amor que a escritora non quere ver morrer nas cadeas coas que a sociedade da época aferrolla as mulleres.

Esta película para televisión inscríbese dentro da liña comezada por Zenit TV, xunto á TVG, de adaptar as biografías de salientables mulleres pioneiras na arte, na ciencia ou no pensamento, cunha clara intención cultural e divulgativa, como foi o caso de Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Juana de Vega.

Dirixida por Zaza Ceballos, Contou Rosalía ten un equipo técnico principalmente galego e un elenco encabezado nos papeis principais por Melania Cruz, interpretando unha Rosalía apaixonada e namorada, e por Fran Lareu, como Manuel Murguía, un personaxe de gran forza e carisma. No elenco interveñen tamén Ledicia Sola, Alejandro Jato, César Cambeiro, Josito Porto, Tamara Canosa, Pepo Suevos, David Perdomo e Celso Parada, entre outros.

A ambientación desta tv movie, que amosa o lado máis íntimo da escritora, desafiando limitacións de todo tipo e en medio do clima conspiratorio do final da era absolutista, sitúase na Coruña, grazas á conservación de espazos e significado valor arquitectónico que permiten recrear espazos como o Pazo do Señor de Muros ou café do Oeste. Boa parte dos interiores recreáronse en inmobles da cidade vella e nun palacete no barrio de Cidade Xardín. A rodaxe tamén se desenvolveu noutros espazos emblemáticos da Coruña, coma o Teatro Colón ou os Xardíns de Méndez Núñez.