Lumes, de Ismael Ramos (da editorial coruñesa Apiario) alzouse onte co premio á mellor obra editada de Galicia na III Gala do Libro Galego que organiza a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. O xurado valorou "a elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla dunha forma especial nun traballo de edición impecable".

Pero esta non foi a única presenza coruñesa na gala. O profesor da Universidade da Coruña Xurxo Mariño alzouse co premio na categoría de Divulgación pola súa obra Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo. "O xurado considera que este libro é único, froito dunha experiencia singular, demostrando que no secula XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo", indicaba onte a organización destes galardóns.

Ademais o certame Viñetas desde o Atlántico que se celebra desde hai anos na cidade da Coruña levou o premio a mellor iniciativa cultural polo "tesón na traxectoria de mais de 20 anos, contribuindo a popularizar a banda deseñada e conectala coa cultura do país".

A mello obra de narrativa foi A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. Docampo mentras que Ledicia Costas e Andrés Meixide levaron o galardón a mellor obra infantil por A señorita Bubble.

Antón Figueroa gañou o premio na categoría de ensaio e investigación por Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia e María Solar levou o galardón a mellor libro xuvenil por Os nenos da varíola.

Tinta de luz de Berta Cáccamo e Xosé María Álvarez foi o mellor libro ilustrado, Alter-Nativo a mellor obra de banda deseñada, Pippi Mediaslongas a mellor traducción, Camuflaxe a mellor obra de poesía e Río Bravo no apartado de teatro.

O premio a Escritora Galega Universal foi para Isabel-Clara Simó e Xavier Senín levou o galardón de honra.