Diversos intelectuais galegos loubaron onte a Ramón Chao, destacando a súa faceta persoal, periodística e política.

Xosé Luís Méndez Ferrín. "Entristéceme a noticia. Lembro ter estado con el en París e en México, en misión internacionais nas que levamos un punto de vista antifascista e nacionalista. É un importante intelectual", apuntou onte o escritor que define a Chao coma "unha presenza viva de Galicia en Francia e París". "Desde ese 'exilio voluntario', esa residencia voluntaria en Francia, nunca esqueceu o país e sempre lle rendeu a Galicia grandes servizos", sinalou e engadiu: "Foi tamén un amigo de causa na esquerda nacionalista, despois foise retirando a unha posición de esquerdas, pero máis independente. É un grande intelectual desde no eido da música do que procedía, e que nunca abandoou, ao do pensamento, da escrita. Axudou á resistencia durante o franquismo".

Manuel Rivas. O autor coruñés calificou onte o pasamento de Ramón Chao coma "das máis tristes noticias". "Pero el non estaría de acordo e escribiría rebelde un graffiti na tapia do cemiterio a consigna situacionista: 'Non hai tempos mortos!', sinalou o escritor na súa conta de Twitter.

Moncho Paz. Xornalista galego e amigo de Ramón Chao, destacou a súa amizade. "Para min foi moito máis que un referente, foi un amigo e un confidente, do cal aprendín grandes leccións de saber estar, na profesión xornalística e tamén na vida", sinalou. "Quedámonos orfos do noso pai intelectual, perdemos ao noso amigo, con maiúsculas", indicaba onte. Gañador do premio Johan Carballeira de xornalismo pola súa entrevista a Ramón Chao, Moncho Paz lembra que ano pasado, o 27 de maio, o xornalista fixo unha visita privada coa súa muller e os netos, porque quería ensinarlles o piano de pedra de Vilalba.

Manuel Bragado. O editor coñeceu persoalmente a Chao "tarde, fai 16 anos". "A partir dese momento mantiven moita relación con el e tamén telefónica, cando viña a Mallorca. Coñecino a través dun amigo común, de Edicións Espiral Maior. Tratábame como se eu fora o seu compañeiro do Bacharelato. Tiña unha capacidad de empatía asombrosa e unha capacidade de expresar enerxía que contaxiaba en todas as súas actividades: a xornalística, que entendía como o oficio doutro tempo; a escritura e a música, que foi o que lle modificou a súa vida? porque foi un virtuoso do piano", lembrou o editor, que asumiu o compromiso de editar O Lago de Como en galego en 2004.

Colexio de Xornalistas. A entidade amosou onte "o seu fondo pesar pola morte deste profesional, figura clave na historia do xornalismo galego e internacional".