"Envíolles currículum e mais guión. Todo foi escrito a man porque son neste intre as tres da mañá e non podo espertar coa máquina a miña filla nin a rapazada dos veciños. Perdón. Agradézolles as súas inquedanzas polo meu desprazamento e mais estancia na Coruña, pero non hai problema de ningún xeito: irei no meu coche e voltarei a Pontevedra esa mesma noite". Estas poucas liñas de María Victoria Moreno e as que as acompañaban nunha carta remitida ao Facho na primavera de 1975 din moito da protagonista do Día das Letras Galegas de 2018.

Corenta e tres anos despois, a Real Academia Galega (RAG) amosa dixitalizada documentación do fondo da devandita agrupación cultural relacionada coa autora, correspondencia e mecanoscritos de varios relatos infantís que son testemuño da súa creatividade literaria e do seu coñecemento da realidade sociolingüística da terra que a acolleu.