A Sala Emilia Pardo Bazán da antiga Fábrica de Tabacos da Coruña amosará a partir de hoxe novos fondos relacionados coa escritora, co complexo fabril que converteu no escenario central da súa novela La Tribuna e coas cigarreiras, as mulleres nas que se inspirou para escribir a que foi a primeira novela española que lle deu protagonismo á clase obreira. A estrea terá lugar co gallo da clausura do Festival Resis cun concerto de piano no patio que dá acceso a este espazo que leva o nome da escritora coruñesa na actual sede da Audiencia Provincial da Coruña. Nel poderán verse paneis informativos sobre a autora e as traballadoras da fábrica e unha escolma de documentos e obxectos relacionados con elas, entre os que destacan textos autógrafos de dona Emilia.