A TVG continúa este domingo descubrindo o Camiño dos Faros, unha das rutas que máis interese está a xerar a nivel nacional e internacional nos últimos anos, da man do espazo Imos indo, que racha as constricións dos programas de entrevistas clásicos, fusionando o xénero talk show co divulgativo e empregando localizacións completamente naturais.

Quique Morales estará hoxe acompañado da actriz Lucía Regueiro para realizar a etapa entre a praia de Niñóns e Ponteceso, a segunda etapa do Camiño dos Faros, 26 duros quilómetros que non andarán sós.

Os protagonistas coñecerán a Suso Ouréns, un dos últimos veciños da Aldea do Roncudo. Desde alí, chegarán ata o faro do mesmo nome e pararán con Suso Lista no porto de Corme. Ademais, falarán do Festival V de Valarés e descubrirán as Dunas da Barra.