Yolanda Villa e Bea Camiña, organizadoras de Elas son Artistas, acoden hoxe ao programa Zigzag da TVG 2 para falar do primeiro festival metropolitano de música e artes pola igualdade, unha iniciativa integral onde se combina o público co privado para darlle voz á muller coma profesional, coma artista e coma creadora. Elas son Artistas ofrecerá actuacións de música, poesía, danza e teatro polos concellos da Coruña, Arteixo, Betanzaos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada do 31 de maio ao 6 de xuño.

O espazo da TVG 2 tamén incluirá esta tarde unha entrevista con Manuel Cráneo e Cristian Fojón, editor e autor do cómico colectivo Licor Café. Esta bebida fortemente vinculada a Galicia é o leit motiv para o desenvolvemento de 13 historias curtas de estilo moi diverso que, coma pequenos tragos, ofrecen unha rápida degustación do que están a facer na actualidade os novos creadores do cómic galego.

Ademais, Zigzag visitará no MAC da Coruña a exposición Mírame. Retratos y otras ficciones, que explora o retrato, un dos xéneros máis tradicionais da arte, a través dunha selección de preto de 40 obras pertencentes á colección La Caixa. Pinturas, fotografías, esculturas, vídeos, debuxos e instalacións forman un labirinto de olladas que convidan os espectadores a reflectirse eles mesmos no espello social dos retratos.

Por último, o programa ofrecerá unha reportaxe sobre os premiados na 15ª edición do Festival de Cans, que a pasada fin de semana encheu de agroglamour esta aldea do Porriño.