O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entregou o pasado marzo os premios extraordinarios de Bacharelato de Formación Profesional de grao superior e de ensinanzas artísticas profesionais de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño, nun acto celebrado no Salón de Convencións do CINC, na Cidade da Cultura de Galicia. Os galardóns teñen como obxectivo recoñecer a excelencia do alumnado que acadou as maiores cualificacións e que superou as probas específicas. Do total de 48 alumnos galardoados, seis fórono na categoría de ensinanzas artísticas profesionais de Música. No caso da FP, resultaron premiados 22 titulados. Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xa publicou a nova convocatoria dos premios extraordinarios de Bacharelato. En total poderanse conceder ata 20 premios extraordinarios, dotados cada un deles dun diploma acreditativo e un premio económico de 1.000 euros. Poderá optar ao galardón o alumnado que teña rematado os estudos de Bacharelato no curso 2017/18 nun centro docente da comunidade galega, ben na modalidade presencial ou a distancia e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso; e que obtivera unha nota media do Bacharelato igual ou superior a 8,75. Os candidatos deberán realizar unha proba estruturada en dúas partes: a primeira nunha análise e comentario crítico dun texto e a segunda en respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais.