Como celebraron os alumnos e alumnas de infantil e primaria o Día das Letras dedicado a María Victoria Moreno? A Real Academia Galega (RAG) quere coñecer e compartir as experiencias desenvolvidas nos centros educativos arredor do 17 de maio a través do proxecto web Primavera das Letras ( primaveradasletras.gal), que este ano convoca a segunda edición do certame Contádenos o voso Día das Letras. O prazo de presentación das iniciativas permanecerá aberto ata o vindeiro 22 de xuño. Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe enviando as ligazóns correspondentes ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal.@primaveradasletras.gal.

O concurso Contádenos o voso Día das Letras está aberto a todos os centros escolares de Galicia con alumnado de infantil e primaria, que poderán participar presentando as actividades desenvolvidas durante o curso 2017-2018 polos nenos e nenas destas etapas arredor da protagonista do Día das Letras Galegas 2018, a escritora, docente e activista cultural María Victoria Moreno. A Real Academia Galega sorteará lotes de libros e ademais expedirá diplomas de participación para todos os centros participantes.