A primeira presidenta muller do Consello da Cultura Galega (CCG) presidenta Consello da Cultura Galegacoñece ben a institución da que foi vicepresidenta os últimos oito anos e recoñece que a súa elección amosa o "compromiso" do ente por "asumir a igualdade de xénero".

- Por que decidiu dar un paso á fronte no liderado á presidencia do Consello da Cultura Galega?

-A razón é a lealdade institucional. Levo no Consello desde os primeiros tempos, logo continuei con distintos tipos de vinculación e desde 2010 son vicepresidenta da institución, durante os dous últimos mandatos do profesor Villares; así que o meu compromiso vén de longa data. Cando me propuxeron asumir esta nova tarefa, asúmoa coa ilusión de poder continuar co que estabamos a facer.

- Quen foron os membros do plenario que apoiaron a súa candidatura?

-Sei quen son, pero preferiría que non transcendese. Foron oito persoas ás que agradezo moito que deran o paso e outras manifestáronme por escrito que lles tivera gustado tamén asinar a candidatura, pero que se xestou en poucos días...

- Pode avanzar quen formará parte da súa comisión executiva ou a lo menos, ten xa un ou unha vicepresidenta na cabeza?

-Teño na cabeza, naturalmente, as liñas que a min me gustaría que estiveran reforzadas na executiva, tendo en conta o programa que eu presentei. Esas liñas teñen uns nomes detrás, pero non vou avanzar nin o número de membros nin o perfil dos mesmos mentres non poda facelo diante do propio Plenario.

- Ese pleno aínda non ten data fixada.

-Será posterior á miña toma de posesión como presidenta, que aínda se pode adiar unhas cantas semanas. Non depende de min, nin do Consello, senón dos trámites previos que se teñen que cumprir para convocalo. Tanto o Parlamento, o Consello da Xunta e o DOG teñen as súas propias axendas.

- No seu discurso de presentación xa debullou as trabes mestras da súa candidatura. Onde porá o acento no próximos anos?

-Lograr unha maior vertebración do tecido cultural galego e tamén dentro do propio CCG. Buscar unha maior implicación interna de todos no traballo, nas liñas de actuación e conectar cunha representación o máis ampla posible do tecido cultural galego. E aí insisto na necesidade de integrar a cultura galega no exterior; que non se vexa como un apéndice, senón como algo substancial á cultura de noso. Tamén a necesidade de internacionalizala. É dicir, contemplar o ecosistema cultural no seu conxunto, atendendo á súa complexidade, que é moi vasta.

- Falou de incorporar "novo pulo, novos retos e novos modos" á institución. Como?

-Ten que ver con achegarse a novos públicos e novos formatos, con novos modos de comunicación, o que implica seguir pulando polos xa conseguidos e establecer unha estratexia que pasa pola vía dixital. Non so apostando pola vertente dixital do CCG; senón unha nova estratexia de comunicación para tratar de visibilizar mellor o que é a institución.

- Haberá novas comisións de traballo?

-Teño esbozadas cales serán as liñas en que queremos incidir e para aumentar a visibilidade da vertente dixital. Iso pasa porque comecemos a elaborar un plan de traballo plurianual e estratéxico. Aínda é prematuro: é unha proposta que eu fago, pero non está no meu ánimo exercer unha presidencia de xeito unipersoal na toma de decisións.

- Incluirán a perspectiva de xénero nos novos estudios para a cultura galega?

-Facemos análises da situación da cultura [recentemente Diagnose da cultura galega], non estudios. Xa temos unha comisión de Igualdade que opera internamente; é moi activa e agardo que continúe.

- A Real Academia Galega alertaba recentemente sobre a non transmisión do galego ás novas xeracións: xa non é a lingua materna maioritaria ¿como poden tratar de reverter esta situación as institucións que loitan pola cultura?

-As institucións que velan pola cultura, non son so a CCG senón tamén a RAG, non son quen teñen que revertelo. En todo caso poden analízalo e advertilo con medidas de mellora, pero os que gobernan son quen deben de dirixir mensaxes e medios para lograr eses obxectivos. Hai que cambiar dentro da sociedade esa tendencia ao abandono da lingua dentro das familias. Pero tamén hai que potenciar que os rapaces e rapazas de todas as cidades teñan ámbitos de socialización en lingua galega: que podan ter o seu ocio en lingua galega e produtos axeitados a ese lecer en lingua galega. E non me refiro so a que se publiquen libros, senón a que haxa unha programación audiovisual consonte e distintos tipos de accións públicas orientadas a que teñan un tempo de vagar en lingua galega. E que lle cheguen mensaxes positivas en lingua galega.

- Logo de varias décadas traballando a prol desta causa, ten argumentos para o optimismo?

-Eu non son pesimista. Son consciente de que hai graves problemas para a lingua galega en relación á perda de uso en familias que tradicionalmente eran galegofalantes. E que se agardaría que seguiran transmitindo o galego aos seus fillos... pero o fan en castelán. Creo que son situacións que se poden reverter. E, xunto a signos negativos dos que non hai que deixar de alertar, hai outros positivos que os propios sociolingüistas teñen posto de manifesto. Hai que labrar políticas públicas que conduzan a iso.

- A que signos se refire?

-Teñen que ver co feito de que haxa sectores sociais que, pola vía por exemplo do seu ascenso social, cando chegaron a determinado tipo de formación universitaria, decidiron usar o galego e eran castelán falantes. Por que non se fala deses? Serven de exemplo para outros. Non hai moitos anos, chegar a un determinado nivel implicaba o abandono do galego e agora moitas desas persoas non se desgaleguizan, non o abandonan. E hai outros segmentos sociais de neofalantes. Eses dous feitos non son negativos para o galego.