Preto de 150 docentes de toda Galicia formanse este ano en educación inclusiva para ampliar os seus coñecementos neste ámbito e divulgar as boas prácticas. Entidades especialistas na atención á diversidade e profesionais orientan ao profesorado sobre proxectos inclusivos sobre alumnado con TEA (Trastorno do Espectro Autista) ou TDAH (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade).

Galicia é referente na educación inclusiva e de feito, o último informe do Ministerio de Educación reflicte que o 91,9% do alumnado con NEE está integrado en centros ordinarios, o que favorece a igualdade de oportunidades. Neste último aspecto tamén inflúe a equidade. Segundo PISA e estudos recentes, o sistema educativo galego é o máis equitativo do Estado, situándose por riba de países como Finlandia.

Co obxectivo de seguir mellorando na atención destes mozos e mozas, o departamento educativo da Xunta ten diversas accións formativas tanto dentro coma fóra dos centros. Neste contexto, un total de 135 centros contan xa cun plan de formación permanente do profesorado na liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade. Ademais, ofertáronse 81 cursos (1.918 horas) de formación nos que participaron 1.155 persoas, con temáticas relacionadas coa comunicación aumentativa, discapacidade visual e auditiva, trastorno do espectro autista ou linguaxe de signos, entre outras. Todas actividades de formación de docentes en centros contan xa cun módulo específico de Inclusión, convivencia e igualdade (ICI), de 20 horas.