A cantante Melody, que saltara á fama con dez anos coa súa popularizada canción de El baile del gorila, visita esta noite o programa Luar con algúns dos temas de éxito do seu amplo repertorio. A sevillana, cun estilo moderno en que abrangue diferentes estilos, fará gozar os espectadores coa súa música e a súa voz.

Tamén pasará polo escenario do programa da TVG a banda de indie pop Eladio y Los Seres Queridos, que acaban de publicar o quinto disco da súa carreira, baixo o título Historias de caza, un traballo que ten como adianto o sinxelo Algún iluminado.

Outra das convidadas desta noite é unha das gaiteiras galegas máis internacionais: Susana Seivane, que revolucionou o folk cun estilo propio que non fuxía das raíces e que está a presentar o seu quinto álbum, en que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e María Mera contará este venres coa presenza da cantante Haydée Milanés. Herdeira dunha gran tradición musical que vén do seu pai, Pablo Milanés, e con influencias do son e a trova tradicional cubana, os referentes femininos da música pop brasileira e os grandes clásicos do jazz norteamericano, irrompeu coma unha das voces máis belas e xenuínas da música popular cubana.

Luar ofrecerá tamén as actuacións das pandeireteiras Brincadeira, da agrupación Fogo Fatuo, do grupo vigués de danza urbana Galirockers, das formacións tradicionais Varalonga e Leirabuxo, da gaiteira hindú Archy J. e do grupo do País Vasco francés Kalakan.

Finalmente, no tempo de Vai de Baile, actuarán as Rosalías de Padrón e os Repichoqueiros de Teixeiro, mentres que en Recantos chegará a quenda de Borja Fuentes, procedente da Terra Chá, e de María Vidal, representante da comarca Terras de Ordes.

'A Revista'

Por outra banda, nos próximos días celébrase o Día Internacional dos Arquivos, polo que o programa A Revista desprazarase hoxe á Catedral de Santiago, un dos lugares de Galicia con arquivos máis antigos e interesantes. O programa estará en directo mergullándose nos segredos ca catedral compostelá. O espazo da canle autonómica tamén se desprazara ata a vila de Rianxo, onde un panadeiro xubilado se fixo coñecido pola afección ás maquetas.

Visitará o estudio César Sánchez-Ballesteros, o presidente da Asociación Empresarial de Hospedaxe de Pontevedra, que falará dun asunto que se está poñendo desgraciadamente de moda: os i nfluencers que buscan noites en hoteis e comidas gratis a cambio de boas críticas nas redes sociais ou en TripAdvisor.