Un equipo de A Revista Fin de Semana estará hoxe en directo en Silleda nunha nova edición da romaría que organizan a final de temporada os oíntes do programa Pensando en ti, que presenta Marcial Mouzo na Radio Galega. Nesta ocasión será aínda máis especial, xa que se trata do seu vixésimo aniversario, polo que amais da tradicional festa, levarase a cabo a gravación do programa que se emitirá esa mesma noite.

No estudio María Solar recibirá a David Gil, un dos creadores da Asociación FranGil, que leva a cabo accións a prol da doazón de médula ósea e de sangue do cordón umbilical, para informar sobre a iniciativa 700 camisetas contra a leucemia. Unha colaboración que están desenvolvendo coa agrupación deportiva El Olivo de Vigo e coa asociación Bicos de Papel, formada por familiares de nenos hospitalizados.