Casamos!, o programa co que as parellas culminan o seu noivado cunha voda ante os espectadores da TVG, regresa esta noite á grella da canle pública galega, cunha dobre entrega. Neste senso, a primeira parella protagonista de Casamos! desenvolverá unha pedida de man do máis accidentada que poderán coñecer os seguidores da Galega. Cando notas que é a persoa indicada, fas o que faga falta por ela, e se non que llo digan a Diego, que desde o primeiro momento que viu a Yoli, non deixou de intentar que funcionara a súa relación incluso cando, tempo despois de comezala, ela lle dixo de deixalo un tempo.

Despois de sete anos de amor e a pedida de matrimonio máis accidentada da historia, esta parella dará un paso máis na súa relación para avanzar cara un futuro mellor xuntos e sos, xa que é moi difícil vivir xusto debaixo da sogra.

Na segunda historia, a de Raquel e Diego, o amor non podería xurdir no lugar e no momento máis inesperado. Din que do amor ao odio só hai un paso e así lle pasou a esta parella, que comezou a súa relación despois dunha disputa por unha praza de garaxe. Axiña iniciaron o seu romance e, malia as sorpresas das familias, aos poucos días xa estaban vivindo xuntos e só nuns meses xa estaban esperando o seu primeiro fillo, Iker.

Esta parella de Cambre está a punto de cumprir o seu último soño en común: pasar polo altar. Aínda que a súa idea inicial era facer unha cerimonia sinxela e íntima, acabaron por ceder antes as súplicas da familia e organizar unha voda por todo o alto.