A TVG ofrece esta noite un especial sobre o tradicional encontro de final de temporada dos oíntes do Pensando en ti, espazo que presenta cada madrugada Marcial Mouzo na Radio Galega. Nesta ocasión foi aínda máis especial, xa que se tratou do seu vixésimo aniversario, polo que amais da tradicional festa, levouse a cabo a gravación do programa radiofónico que se emitiu esa mesma noite.
O evento tivo lugar no Recinto Ferial da vila de Silleda, no marco da súa Semana Verde, e estivo cheo de sorpresas para os verdadeiros protagonistas, o público alí presente, que cada noite ten voz nas ondas da Radio Galega relatando as súas experiencias. Como é habitual nesta cita, contouse coa colaboración do humorista José Manuel Rodríguez Puente Isi, que realizou un monólogo ao comezo da xornada. Na xuntanza partiparon diversos artistas, como Marieta, Guilllermo Castro ou Ruth Gundíns, finalista no Recantos do Luar. A música foi unha das grandes protagonistas, amenizando o encontro a Escola de Gaitas de Silleda, o grupo Kilómetro cero e o versátil artista, Alberto Cuña.
Pensando en ti, que fai vinte anos en antena, é un dos programas máis antigos da Radio Galega e un dos preferidos da audiencia, posto que é líder na faixa da madrugada.