O E studo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2012/2013 é unha enquisa realizada a 1.723 persoas, o 70,8% dos titulados en másteres no SUG nese curso académico, e efectuada tres anos despois de ter rematado estas ensinanzas.

Os resultados do estudo mantéñense en niveis moi similares aos da edición anterior, se ben cómpre salientar un incremento na porcentaxe de titulados que acadan no momento da realización do estudo os tramos superiores de salario. Así, o 35,2% dos enquisados perciben un salario neto igual ou superior aos 1.401 euros, que supón un incremento de cinco puntos de persoas nestes tramos respecto do estudo referido aos titulados no curso 2011/12.

O salario medio mensual para os titulados é de 1.251,70 euros, o máis alto respecto a todos os salarios que afirmaban percibir os enquisados nos estudos de inserción anteriores.

Ademais, o salario medio incrementouse de xeito importante nese periodo para os titulados en másteres do Sistema Universitario Galego (SUG), 167,10 euros en termo medio fronte aos 125,99 euros reflectidos no informe do ano anterior.

Estes e outros motivos, como a mellora das oportunidades para atopar emprego, fan que o 77,1% de titulados do SUG afirmen que volverían realizar o máster, unha porcentaxe similar á que se obtiña no estudo relativo cos datos do curso académico 2011/2012.