Achégase a vixésimo terceira edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo, cando se cumpren 550 anos da Guerra Irmandiña. Unha celebración que se prolongará durante toda a semana. Hoxe A Revista estará en directo na localidade coruñesa, onde se están a celebrar diferentes obradoiros ou os xa tradicionais Pinchos Irmandiños. O programa tamén estará na preestrea da representación teatral Asalto 2018, a representación das revoltas irmandiñas na Costa da Morte.

'Que casas!'

Un pazo do século XVI en Lalín, a impoñente vivenda dunha galega establecida en Madrid e unha impresionante casa no municipio pontevedrés de Oia serán motivos suficientes para que pague a pena ver hoxe o programa Que casas! Pero a primeira das paradas será no concello coruñés de Oleiros. Alí os espectadores verán unha casa que está revirada sobre si mesma para facer posible a óptima contemplación da grandeza paisaxística que a rodea.