A Revista, o magazine matinal da Televisión de Galicia (TVG) desprazarase hoxe ata Marineda City, na cidade da Coruña. Alí teñen lugar durante estas semanas diferentes actividades dedicadas ás mulleres. A programación especial incluirá a doazón de un euro para a Asociación contra o Cancro por cada tuit que lembre a unha muller destacada. Ademais, o programa tamén prestará atención á gastronomía e falará en directo cos propietarios dos food trucks que se encargan da cociña.

No eido das entrevistas, Loli Gómez falará cos organizadores da Feira Franca Medieval de Betanzos e Moncho Lemos estará no estudio para falar das últimas estreas do cinema e as súas mellores recomendacións.

Miguel de Lira, no 'Land Rober'

Por outra banda, o mellor humor estará unha semana máis no programa Land Rober Holidays Show, que cada xoves á noite achega ás casas dos galegos unha velada chea de gargalladas, da man, coma sempre, de Roberto Vilar, Eva Iglesias e Xosé A. Touriñán. Nesta ocasión, virá pintar a mona o actor Miguel de Lira; os espectadores asistirán ao enfrontamento máis agardado: Tonechos contra Cantareiras, e producirase outra disputa, neste caso internacional, entre os Gorrillas e os Gorrinhas. Ademais, os Xubilados irán de cea e un convidado de altura xogará ao A quen lle pasou?

O humor na TVG non acabará cando remate Land Rober, xa que o programa Era Visto! chega esta noite con novas aventuras dos veciños de Lameiro. Dona Hortensia decide que chegou a hora de morrer e pon a toda a vila a preparar o seu sepelio, pero o problema son as súas esixencias. Ademais, Moncho quererá revitalizar o turismo da vila mentíndolle á xente con que nela hai osos.

Por outra parte, unha herdanza inesperada converte a máis grande inimiga de Elvira en multimillonaria e a balanza que rexía a guerra fría entre ela e Carmucha cambia por completo. Ademais, Elvira decide mercar unha lavadora de segunda man e envía a Moncho recollela. Este, no seu lugar, merca unha roda de afiar e non tarda en converterse na nova estrela de Lameiro exercendo como afiador.

Os espectadores tamén serán testemuñas esta noite do cambio de vida de Moncho, que de súpeto se converte en executivo de Subministros Anselmo. Ademais, Milucho dá en interesarse por Jéssica, a mellor amiga de Kevin, que os ve bicándose, polo que empezará de inmediato a investigar para atopar a mellor maneira de vingarse. Por outra parte, unha cegoña fixo un niño no tellado de Puskas, polo que terá que decidir se acabar con ela a tiro de escopeta ou deixar alí as aves.