Os membros da Real Academia Galega (RAG) votarán hoxe para elixir cal será o escritor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2019. Os finalistas, tal e como anunciou a institución a semana pasada, son os escritores Ricardo Carvalho Calero e Antón Fraguas Fraguas. Os académicos votarán hoxe, posto que, segundo asegurou a RAG, a normativa interna da RAG establece que a designación se realizará no pleno seguinte ao último 17 de maio. De igual modo, o regulamento decreta que a figura homenaxeada debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persona de calidade cultura e humana que mereza porse como exemplo á sociedade galega de hoxe". Ademais, deberán pasar "polo menos dez anos" entre a súa morte e a elección.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) estudou Dereito e Filosofía na capital galega, onde desenvolveu unha intensa actividade intelectual e política coa que entrou en contacto co galeguismo do Seminario de Estudos Galegos, do que chegou a ser o seu secretario xeral. Mantivo un estreito contacto cos escritores Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo e outros membros da Xeración Nós, en cuxa revista colaborou. Así mesmo, tamén participou na fundación do Partido Galeguista e na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1931.

Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 - Santiago de Compostela, 1999) foi historiador, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, así como un dos fundadores da Sociedade de Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, baixo a dirección de Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica.

Compaxinou o ensino coa investigación en contacto con institucións como o Instituto Pai Sarmiento ou a RAG, na que ingresou en 1956 no sitio que deixou Castelao. Recibiu, entre outros galardóns, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia.