O historiador Antón Fraguas Fraguas, pontevedrés de Cotobade que estudou Bacharelato na cidade do Lérez -sendo alumno de Castelao e Losada Diéguez- será o homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2019, tras impoñerse a súa candidatura á de Ricardo Carvalho Calero na votación celebrada pola Real Academia Galega (RAG) na sede da institución onte.

Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905-Santiago de Compostela, 1999) foi historiador, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, así como un dos fundadores da Sociedade de Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, baixo a dirección de Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica. Tamén foi nomeado, nos últimos anos da súa vida, cronista oficial de Galicia.

Fraguas dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria.

A biografía de Antón Fraguas é un percorrido por boa parte da historia galega do século XX. Entrou en contacto desde moi novo co galeguismo, cando estudou Bacharelato en Pontevedra, unha etapa decisiva no rumbo que seguiría. Alí empezou a xermolar, como alumno no Instituto Xeneral e Técnico, o seu interese pola cultura galega da man de docentes como Antón Losada Diéguez, Castelao e Ramón Sobrino Buhigas. Foi, de feito, un dos fundadores, en 1923, da Sociedade de Lingua, nada co obxectivo de defender o galego e de elaborar un dicionario.

Xa na etapa universitaria en Santiago ingresou, en 1924, nas Irmandades da Fala e colaborou co SEG, do que logo sería membro numerario. Nesta institución inaugurou en Galicia, baixo a dirección de Ramón Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica e abordou outros temas sobre a súa terra. Nestes tempos de mocidade publicou con asiduidade en Nós e A Nosa Terra. Comezaba unha obra, ampla e curiosa, con numerosos libros e artigos de revistas, ademais de incontables anacos de xornais nos que Galicia era o seu motivo esencial.

Antón Fraguas escribiu sobre xeografía, cunha proposta de comarcalización da que aínda se pode seguir tirando proveito; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao e a que foi a súa tese de doutoramento, sobre o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela; e fixo tamén achegas á arqueoloxía. Pero o campo no que quizais máis destacou foi o do estudo da cultura campesiña, e en especial da súa parte espiritual.

Tras exercer como profesor auxiliar de Xeografía e Historia, en 1933 incorporouse como docente ao instituto da Estrada, posto do que foi separado ao comezar a guerra civil. Por este motivo tivo que dedicarse ao ensino privado, que exerceu na academia Menéndez Pelayo, aberta en 1938 na en Santiago.

A partir de 1942, unha vez revisado o seu expediente de depuración, compatibilizou a dirección desta escola coa docencia na Facultade de Filosofía e Letras, que reclamara os seus servizos, ata que en 1950 gañou unha praza de catedrático de instituto. Recibiu, entre outras distincións, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, ou o nomeamento de cronista xeral de Galicia.