O programa Aquí hai praia visitará hoxe tres dos areais galegos máis coñecidos. A primeira parada será na praia das Catedrais, en Ribadeo, monumento natural e un dos destinos turísticos máis visitados de Galicia. Toma o seu nome polas similitudes que teñen as formacións rocosas cos arbotantes das catedrais góticas. O seu principal atractivo é o conxunto de arcos de roca esculpidos pola forza do mar Cantábrico co paso dos anos, que deixan coa boca aberta o máis viaxada. Aínda que non é a mellor praia para tomar o sol nin para o baño, ten unha grande afluencia de visitantes, sobre todo en verán, desexosos de contemplar a súa beleza.

O espazo da TVG tamén estará en Silgar, en Sanxenxo, unha das praias máis cálidas e solleiras da ría de Pontevedra. Situada no núcleo urbano, está bordeada polo paseo marítimo e a vía rodada que a separa das edificacións en primeira liña de praia. Silgar é o areal máis frecuentado na época estival por turistas, tanto pola súa situación, que facilita o seu acceso, coma polo distintivo de bandeira azul que posúe.

Por último, os espectadores poderán coñecer a praia de San Francisco, en Louro, considerada un paraíso de veraneantes procedentes non só de Galicia enteira, senón tamén de diversas partes do resto de España. Situada xunto á praia de Ancoradoiro e preto da vila costeira de Muros, é das máis concorridas da zona, pois ás súas condicións naturais hai que engadirlle a presenza de frondosos piñeirais equipados con fontes e asadores para preparar as comidas campestres.