Nosa Señora do Monte Carmelo, coñecida popularmente como Virxe do Carme, é unha das santas máis arraigadas e con máis tradición de toda Galicia. Non só é patroa de cidades, vilas, parroquias, aldeas ou lugares. A Virxe do Carme é tamén a patroa do mar e, por ende, a patroa de todos os homes da mar: os mariñeiros que saen faenar na busca do peixe e os mariños que integran a Armada Española.

Esta advocación, en que se festexa tamén o día de todas as Carmes, Carmelas ou Carmelos, celebra a súa onomástica o día 16 de xullo e, con este motivo, toda a Galicia é unha festa. Desde Ribadeo, nos límites con Asturias, ata A Guarda, lindando xa con Portugal, toda a costa galega se bota ao mar para homenaxear a súa patroa. Por este motivo, a TVG emite hoxe un programa especial en directo, presentado por Lucía Rodríguez, en que se recollerán todas as celebracións acontecidas en Galicia durante este día.

Deste xeito, o equipo do Especial Día do Carme estará presente en toda a costa galega. Na Mariña, vivirá de preto o fervor que envolve os festexos de Foz. Nas Rías Altas, visitará as localidades de Cariño e Camariñas, con senlleiras procesións marítimo-terrestres, que destacan polas súas danzas gremiais e de arcos. E, xa nas Rías Baixas, participará da festa que caracteriza as vilas de Cabo de Cruz, en Boiro, e de Aguiño, en Ribeira, onde mesturan a parte relixiosa e lúdica de xeito inigualable.

Nesta data tan sinalada, o destino do programa Aquí Galicia Tour non podía ser outro que un lugar costeiro en que esta festividade se vive intensamente. O espazo da TVG estará no porto de Carril, en Vilagarcía de Arousa, onde os espectadores presenciarán en directo a chegada ao porto da procesión da Virxe do Carme e o seu posterior embarque para a procesión marítima. Ademais, no set do programa, Lucía Rodríguez conversará co patrón maior de Carril, José Luis Villanueva; co responsable da lonxa desta localidade pontevedresa, Moisés Campos, e co patrón do barco Dani 1, Juan José Galván, que é quen levará a Virxe na procesión marítima.

'Land Rober'

Por outra banda, o Land Rober segue sen marchar de vacacións e continúa amenizando as noites dos luns na TVG co mellor humor, os sketchs máis divertidos e as situacións máis hilarantes, a cargo, coma sempre, de Roberto Vilar, Eva Iglesias e Xosé A. Touriñán.

No Land Rober Holidays Show desta noite, haberá que pasar polo hospital, caerá a estación espacial chinesa, os espectadores descubrirán os problemas de facer o amor nun coche en Lugo e os Gorrillas collerán velocidade con Jorge Lorenzo.