O programa Aquí Galicia Tour convida os espectadores da Televisión de Galicia (TVG) a pasar esta tarde de verán en directo na localidade coruñesa de Sada, denominada a "Perla das Mariñas" e un dos destinos turísticos da comunidade galega.

O espazo presentado por Lucía Rodríguez contará coa presenza de representantes da Feira Modernista de Sada, que se fai para conmemorar o glorioso pasado da vila nunha época que marcou a súa historia.

Sada ten un dos clubs náuticos máis importantes das Rías Altas. O programa coñecerá esta faceta coma porto deportivo e náutico e tamén falará de deportes, concretamente do Club de Atletismo da localidade. O seu presidente contará o labor social que emprenderon xunto á ONCE. Ademais, Aquí Galicia Tour ofrecerá suxestións gastronómicas para esta época de verán, coma a que preparará o cociñeiro Santiago Torres, un dos máis prestixiosos da comarca; estará a pé de praia falando cos veciños e cos turistas que elixen a zona para as súas vacacións e a nota musical virá da man do grupo Nova Troula.

A atención do programa desta tarde non estará posta só en Sada, xa que tamén se establecerán conexións en directo con Moraña, para vivir todos os actos de celebración da súa patroa Santa Xusta, e en Caldas de Reis, onde celebran as Festas de Santa Mariña.