"Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á marabilla dunha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes". Castelao iniciaba así o 25 de xullo de 1948 Alba de Groria, o discurso que pronunciou, dende o exilio, na festa organizada polo Centro Galego de Buenos Aires co gallo do Día de Galicia.

Cumpríronse setenta anos deste emblemático discurso e o Portal das Palabras -o proxecto da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié para a modernización e divulgación do léxico galego- colgou na súa web a que foi a derradeira alocución pública do intelectual galeguista dun xeito moi especial.

Construíron unha emotiva recreación do voo que evoca ese fundamental texto de Castelao sobre a xeografía do país, superposta a unha versión tridimensional da Carta Xeométrica que o matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán realizou na primeira metade do século XIX: o primeiro mapa feito en España con medicións matemáticas. O resultado é un vídeo de tres minutos de duración acompañado polos acordes dunha bela melodía clásica.

Desde a RAG destacan que en pleno século XIX, e polo tanto sen ningunha das tecnoloxías das que hoxe dispoñemos, o ilustrado conseguiu elaborar o primeiro mapa científico do país, e cunha meticulosidade e precisión que aínda hoxe abraia. No vídeo actual pódense observar con gran nitidez e rigor os topónimos de localidades de entidade menor, marcadas con distancia precisa doutros muncipios máis redundantes en mapas da época.

Os dous primeiros parágrafos de Alba de Groria nos que se traza este voo imaxinado xa foran escritos un ano antes do discurso e forman parte do capítulo I do libro IV de Sempre en Galiza, engadido na segunda edición do libro. No ano 1951 o Centro Galego de Buenos Aires quixo homenaxear a Castelao no seu primeiro cabodano publicando a versión orixinal deste discurso e mais a tradución ao castelán de Eduardo Blanco Amor nunha edición dispoñible en copia dixital na páxina web da Academia.

A comunidade emigrante, o pobo, a historia e a tradición son os principais temas que aborda o texto lido por Castelao en 1948 tal día coma onte no Teatro Argentino da capital porteña. "Sete décadas despois, está considerado todo un referente simbólico para Galicia e unha das principais manifestacións da oratoria en lingua galega", asegura a RAG nun comunicado co que quixo anunciar o vídeo.

O traballo conxunto entre RAG e a Fundación Barrié permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android, engaden as citadas fontes.

Do mesmo xeito que reflexionan sobre as orixes do concepto Alba, palabra que Castelao empregou para titular o seu discurso. "A alba sempre ocupou un lugar destacado na festa, que comezaba coa a alborada, pero xa desde o primeiro momento adoptou o sentido de algo inaugural, de celebración, pero tamén transformador e esperanzador: este é o sentido da Alborada de Rosalía de Castro, incluída nos Cantares Gallegos, e tamén desta Alba de Groria de Castelao "que en 1948 chantou unha nova pedra fita nunha tradición milenaria: o de Rianxo pronunciou este discurso en público para celebrar o Día da Patria, perante a comunidade galega transoceánica, no Centro Galego de Bos Aires, chamando para un futuro de liberdade que daquela era imposible nomear abertamente en territorio peninsular", aseguran literalmente.

O Portal das Palabras tamén aproveita para reflexionar sobre a presenza da palabra "alba" na lingua galega, con abundantes mostras: "albariñas" -certas uvas brancas-, "albar", "albeiro", "albor", "albino" ou "albo", 'obxectivo dun proxectil', polo pano branco co que se adestraba.