O programa Vaia Troula da Televisión de Galicia (TVG), presentado por Nieves Rodríguez, levará hoxe aos fogares dos espectadores a paixón dos mariñeiros pola súa patroa, xa que estará na Illa de Arousa para participar nas Festas do Carme. Neste fermoso lugar réndenlle homenaxe á Virxe cunha espectacular procesión marítima chea de devoción e tamén de festa rachada.

Pola súa parte, a reporteira Belén Vara irá ao concello das Neves para vivir en primeira persoa a tradicional celebración de Santa Marta de Ribarteme. Esta multitudinaria romaría suscita a atención dos medios de comunicación de todo o mundo grazas á impresionante procesión en que algúns fieis van dentro dos cadaleitos.

Un dos destinos da reporteira Ariadna Leis será o concello de Curtis, onde celebran unha nova edición de Curtis na lembranza. As feiras de 1900, unha recreación histórica cargada de música, comida e troula a esgalla. E Belén Rivero será unha máis na Batucada de Verín, en que haberá centos de disfraces e festa da auga.

Ademais, as cámaras de Vaia Troula estarán presentes na Feira das Marabillas da Coruña, na Festa da Paella de Cortegada, en Silleda, e no Oenach Atlántico que se celebra no concello coruñés de Narón.

As Festas do Mar de Ares, a romaría de Santa Margarida de Muíño de Zas e o famoso Vilaxoán Canta de Vilagarcía de Arousa completan o menú trouleiro do programa deste domingo. E para que non falte de nada, o espazo da TVG ofrecerá as actuacións dos mellores grupos e orquestras do momento.

'Aquí hay praia', en Miño

Por outra banda, nunha nova entrega do programa Aquí hai praia, a TVG visitará tres belísimos areais da nosa comunidade, distintos totalmente uns dos outros, pero moi recomendables todos.

Un deles será a Praia Grande de Miño, municipio declarado de interese turístico. Trátase dun amplo areal de máis dun quilómetro de lonxitude, situado nunha contorna urbá, que conta cunha area dourada e grosa e onde se pode gozar dun día tranquilo de praia ou practicar as diversas actividades náuticas que se ofertan.