A piques de despedir o mes de xullo, o programa Land Rober Holidays Show non marcha de vacacións e seguirá a ofrecer este luns o mellor humor e os sketchs máis divertidos da man de Roberto Vilar, Eva Iglesias e Xosé A. Touriñán.

A cantante Lorena Gómez está convidada na edición desta noite, en que participará nun sketch titulado Duetos imposibles. Coa participación dos actores Natalia Verbeke e Alfonso Agra, os Gorrillas enfrontaranse á súa maior ameaza.

O programa de hoxe tamén contará cun concurso revelación chamado A Vozes, en que os coachs serán unha peculiar Rafaella Carrá, Carlos Roma e Manuel De Andrade. Finalmente, O actor Antonio Garrido xogará ao Que me estas contando?

Festival Sinsal

Por outra banda, a TVG ofrece esta noite un programa especial que amosará o que aconteceu no Sinsal 2018, un festival de música que se desenvolveu a fin de semana pasada na Illa de San Simón, en Redondela.

Amosarase este certame único e diferente a calquera outro do mundo polos centos de condicionantes que o rodean, comezando polo lugar onde se celebra, unhas illas ás que os 800 afortunados diarios só poden acceder a través dos barcos fretados pola organización; e continuando pola singularidade do cartel sorpresa secreto: ata que se está alí non se sabe o que se vai escoitar. O programa estará ao pé da illa para contarlles aos espectadores os mellores momentos do Sinsal 2018.