No primeiro día de agosto, cando moita xente comeza as súas vacacións, o Aquí Galicia Tour da Televisión de Galicia (TVG) achegarase ata o concello coruñés de Ribeira para vivir a inauguración das súas coñecidas Festas do Verán.

O espazo estará centrado no deporte, a gastronomía e a festa, coa praia sempre como protagonista. O reporteiro Duarte Galbán realizará conexións en directo desde a vila barbancesa, mentres que Pepe Capelán e Tania Veiras estarán en directo na praia de Cabanas e noutros areais da zona. Ademais, esta primeira xornada de festa estará dedicada aos galegos que están na emigración, polo que terá voz unha emigrante que reside en New Jersey.

O programa presentado por Lucía Rodríguez falará tamén con Suso Silva, o adestrador do Club Náutico Ribeira, que contará todas as actividades que se desenvolven no seu club. Ademais, virá ao set do espazo José Antonio Santamaría, patrón maior de Aguiño, para explicar todas as novas da Festa do Percebe de Aguiño. Santamaría cociñará diferentes pratos que se poden elaborar con percebe, mentres que o cociñeiro David Fernández aportará as súas suxestións gastronómicas.

Na parte musical do programa contarase coa presenza do cantante local Álex Millet e da Asociación Albéniz, que amenizarán a tarde cos seus sons.