Onde collen dous segue hoxe na procura de familias que compartan cos espectadores da Televisión de Galicia (TVG) a singularidade das súas vidas, a súa historia, os seus valores e os seus segredos. Un equipo do programa desprazarase hoxe ata Culleredo para coñecer aos Testa Iglesias, que hai pouco máis de dous anos que se converteron en pais coa chegada da pequena Valentina. Eles saben que ter fillos non é impedimento para poder facelo todo. Cal é o seu segredo para conciliar vida laboral e familiar? Planificarse con tempo.

Na Bandeira viven os Fernández Casal, unha familia moi unida e folclórica, pois todo o mundo menos a avoa pertence ao grupo Xirandola de baile tradicional. Manolo e Maite conviven coa nai e a irmá de Maite e xuntos están pendentes do pequeno Mateo ao que día e noite lle hai que controlar o azucre debido á súa diabetes.

'Que casas!'

Por outra banda, a TVG achega esta noite unha nova entrega de Que casas!, en que se poderá ver a transformación de catro vivendas. Ferrol, Ourense, Redondela e O Porto son catro paradas ben distintas en que se poderán visitar casas, todas elas coa particularidade de que foron restauradas. Unha artista que buscou vivir nun barrio que fose realmente inspirador, un arquitecto que quixo adaptarse a Patrimonio sen deixar de innovar e outro que aproveitou ao cen por cento as vistas dunha fermosa casa xunto ao mar, serán os protagonistas da entrega de hoxe.