Vaia Troula viaxará esta noite ata Sanxenxo para participar no inicio das festas grandes deste concello. O programa da Televisión de Galicia (TVG) tamén lles prestará especial atención ás festas de María Pita, na Coruña, que esta fin de semana rematan cunha chea de actividades. Ademais as reporteiras estarán moi pendentes das celebracións de San Bartolomeu e San Vitoiro que enchen Galicia de devoción, alegría, boa comida e música.

O espazo estará en Sanxenxo para participar no xa tradicional Día do Turista. A presentadora Nieves Rodríguez será unha máis nesta celebración en que haberá unha gran sardiñada, música de grupos galegos e portugueses, e milleiros de persoas gozando da festa e o bo tempo.

O programa deste domingo tamén fará un especial seguimento das festas de María Pita, na Coruña. Deste xeito a reporteira Belén Vara estará na Romaría de Santa Margarida, unha celebración que lles pon o broche de ouro ás festas da cidade. Incluso terá tempo de achegarse pola clásica travesía a nado da enseada de San Amaro.

Viños e tapas pola Coruña

Pola súa banda, Belén Rivero pasará unha noite de viños e tapas polas rúas máis emblemáticas da Coruña. A reporteira descubrirá o ambiente familiar que viven estes días na cidade con actuacións de grupos folclóricos por todas as partes.

As celebracións de San Bartolomeu e San Vitoiro tamén terán o seu espazo nesta nova edición de Vaia Troula. Ariadna Leis irá a Santa Cruz de Arrabaldo, no concello de Ourense, para festexar o San Vitoiro cunha gran cea popular á que asisten todos os veciños.

Na cidade de Vigo o de San Bartolomeu é un día moi especial. Na parroquia de Valadares sacan o santo en procesión e celebran unhas divertidas poxas antes de comer callos e churrasco.

As cámaras de Vaia Troula tamén estarán presentes no fermoso folión de carros de Chantada, na espectacular Festa Normanda de Foz, no San Roque de Porto, en Pontecesures, e na Festa da Manta da parroquia de Santiago de Oliveira, en Ponteareas.

E, como sempre, Vaia Troula completará o menú festeiro deste domingo coas actuacións das mellores orquestras.