O Land Rober Tunai Show volta esta noite á Televisión de Galicia (TVG) e volverá dar que falar porque, por primeira vez, o programa sairá ás rúas. O show presentado por Roberto Vilar comezará á vez no estudio e nalgún sitio de Galicia en directo. Os espectadores deben estar moi atentos porque pode ser a súa vila.

Os Xubilados aínda non puxeron punto e final á troula que lles deparou o verán. Concha e Manolo van dalo todo nun dos festivais galegos de máis sona. Que terán argallado estes dous fenómenos?

No arranque desta nova temporada, o programa recibirá a visita do actor Tamar Novas, que compartirá show cos polifacéticos David Perdomo e Sabela Arán. Pero isto non é todo. O programa non se despega da actualidade e mediará no caso dos zamoranos que queren converterse en galegos. Haberá novos personaxes, novos retos e novos xogos nun programa en que o público terá aínda máis protagonismo.

Por outra banda, a canle autonómica ofrecerá, tamén esta noite, un especial sobre o multitudinario Festival de la Luz 2018, certame solidario organizado pola artista Luz Casal, que se desenvolveu a pasada fin de semana pasada en Boimorto, a súa localidade natal. A través deste programa, amosarase o ambiente que se viviu neste evento en que se gozou de gastronomía, espectáculos, teatro e cultura, todo iso nunha paisaxe única, onde a natureza, reciclaxe, sustentabilidade e innovación foron tamén protagonistas.