A Real Academia Galega (RAG) alertou onte do "crecente desprazamento do galego" entre os nenos que viven en zonas periurbanas (nos concellos pretos as cidades) e o papel que xoga "a escolarización" neste fenómeno xa que moitos pais mudan a falar máis castelán desde que o rapaz comeza na escola. Unhas conclusión as que a entidade chega tras facer o estudo A lingua no CEIP Agro do Muíño, no concello de Ames, baseado en enquisas tanto a familias de alumnos de Educación Infantil e Primaria coma ao propio profesorado do centro.

O informe, que segundo explica a RAG "servirá de guía para recuperar terreo para o galego na infancia", alerta sobre "a perda de transmisión xeneracional familiar do idioma, pero tamén sobre o efecto da escolarización sobre a muda lingüística dos cativos galegofalantes cara ao castelán". De feito, o estudo amosa que o cambio de idioma é máis acusado neste colexio da comarca compostelana que na propia cidade e mesmo cando os profesores "adoitan priorizar o galego no contexto educativo".

En concreto, catro de cada dez familias de fillos galegofalantes recoñeceron que ao iniciar a escolarización comenzaron a falar máis castelán. A maioría (o 64%) asegurou que foi na segunda etapa de Educación Infantil (de 3 a 6 anos) cando se produciu esta muda aínda que un 20% recoñece que foi antes, na primeira etapa, é dicir, cando os nenos teñen menos de tres anos.

"O acceso ao sistema educativo en Galicia está sendo netamente desgaleguizador e neste campo hai unha responsabilidade moi directa das institucións públicas, do goberno e todos nós, a sociedade en xeral", sinalaba onte o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, durante a presentación do informe. "O centro escolar ten unha parte importante de responsabilidade no proceso de mudanza lingüística mais non como sistema formal de adquisición de competencias senón como sistema de socialización secundario despois da familia, relación compartida con outros contextos de socialización externos á escola que, fronte a familia, cobran crecente importancia na sociedade contemporánea", sinalou. Por iso, asegurou que para mudar esta situación e que o galego manténgase entre os nenos máis cativos hai que "elaborar estratexias dentro é fóra do contexto escolar".

Neste senso, o Concello de Ames asegurou que tomará medidas para traballar nesta dirección desde a rede municipal de servizos educativos complementarios de conciliación ata as actividades deportivas ou lúdicas dirixidas o público máis novo.

"A lingua galega ten problemas, debemos detectalos e comunicalos socialmente", sinalaba o presidente da RAG, Víctor Freixanes. No caso concreto do centro escolar de Ames, a entidade recoñece que é posible recuperar terreo para o galego xa que máis da metade das familias de alumnos do centro manteñen o galego "en maior o menor medida" e o 25% son galegofalantes.