O programa Pescadores de Historias da Televisión de Galicia (TVG) visitará hoxe a vila mariñeira de Laxe, unha costa moi golpeada polas traxedias dos naufraxios, polo que as súas xentes fan cada ano a súa ofrenda á Virxe do Carme e ao mar para pedir a súa protección coa Festa do Naufraxio, que comezou a celebrarse en 1962 a partir dunha idea do mariñeiro Avelino Lema, que sobreviviu a tres naufraxios.

Da organización da festa encárgase Raúl Villar, que tomou a remuda de Lema e explicará os cambios que introduciu no festexo. Pero quen garda na memoria a primeira festa que se celebrou en 1961 é o mariñeiro Fernando Busto, pertencente ao grupo que puxo en pé un evento que tivo moi boa acollida xa desde o primeiro ano e axiña se consolidou como unha importante atracción turística para a vila de Laxe.

Pola súa parte, Roque Mira foi o último mariñeiro que fixo de morto no simulacro do naufraxio e contará a enorme emoción que supuxo para el desempeñar este papel. O conductor do espazo, X.H. Rivadulla Corcón, tamén falará co patrón maior da Confraría de Laxe, Manolo Villar, que se encarga da procesión marítima do Carme, elemento central da festa mariñeira máis sentida polas xentes do mar de Laxe.

O lugar de celebración cos convidados do programa será no restaurante Zurich, onde Ana Pose preparará un bo arroz con lumbrigante. Como fin de festa, o grupo de música O Tren da Unha cantará varias cancións.

'Pescadores de naufraxios'

Por outra banda, o espazo Buscadores de Naufraxios seguirá hoxe mergullándose nas costas galegas a ducias de metros de profundidade para atopar barcos afundidos. Nesta ocasión farao da man de José Antonio García, Tono, apaixonado do mar e da vila de Malpica, que quere descubrir tantos pecios como sexa posible para poder mostrárllelos aos alumnos da súa escola de mergullo. Hai pouco atopou os restos dun barco mentres ía ao ourizo e está convencido de que se trata do Solway.

O eixe de paletas, a enorme máquina e uns anacos de vaixela atopados a 25 metros de profundidade xunto aos baixos de Baldaio poderían ser claves para certificar que se trata do Solway, un dos primeiros vapores de paletas que cruzaron o Atlántico en 1840.

Identificar este pecio serviría para coñecer mellor parte da nosa historia, dese patrimonio asolagado que permanece baixo o mar, patrimonio que se debe coidar para evitar casos como o do Douro -o barco do que espoliaron 437 quilos de ouro-, do que tamén falará un dos seus protagonistas.