A TVG ofrecerá hoxe a segunda entrega do programa O Caderno de Isabel, unha aposta pola gastronomía galega no seu sentido máis tradicional. Con este formato percórrense diferentes territorios de Galicia buscando a cociña que xeracións anteriores realizaban á hora do xantar e que aínda hoxe forman parte da idiosincrasia dos lugares que visita o programa.

Nesta ocasión, a cociñeira Isabel Prada achegarase ao pulmón verde de Galicia, as Fragas do Eume. Na vila eumesa de Pontedeume gárdanse receitas medievais ata estes tempos, pero que cada vez coñecen e elaboran menos veciños. É aquí onde non van faltar os produtos ecolóxicos das fragas, coma os froitos vermellos ou o xamón curado de porco celta.

Para isto, Isabel percorrerá varios quilómetros no seu pintoresco coche, ao que irá subindo diferentes veciños dos arredores de Pontedeume, descubrindo os valores desta vila. Finalmente, todos eles serán convidados a degustar os pratos elaborados durante o programa nunha xuntanza final cunha escena bucólica que non deixará indiferente a ninguén.

Momentos coma o paseo pola Ría de Ares nun barco pesqueiro ou subir ata o Mosteiro de Caaveiro para saborear os tesouros do bo comer que agochan, fan deste programa un formato televisivo gastronómico diferente.

Por outra banda, no A Xantar! deste martes farase un percorrido por tres chiringuitos onde comer a pé de praia e cunha cociña á altura do mellor restaurante. Calma Chica, en Fisterra; o Corsario, no Grove, e Chiringuito Abrela, no Vicedo.