Unha fría noite de 2010, uns días antes da chegada do papa Bieito XVI a Santiago, a moza Marta Labrada desaparece en estrañas circunstancias nunha gasolineira de Murias, unha pequena vila de Galicia. O medo a que o caso salte aos medios de comunicación obriga a intervir á Garda Civil, enviando a inspectora Rosa Vargas, que terá que actuar con prontitude e o maior sixilo posible.

Así comeza O Sabor das Margaridas, thriller policial de seis episodios con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra, Santiago e Teo. Dirixida por Miguel Conde, esta coprodución da TVG con CTV ten como protagonistas os actores María Mera, Ricardo de Barreiro e Tony Salgado e conta coa colaboración especial de Nerea Barros, gañadora do Goya á mellor actriz revelación por A illa mínima.

O Sabor das Margaridas ten lugar nunha illada vila do interior de Galicia, onde unha espesa atmosfera gris impregna as súas rúas dun incómodo silencio, outorgando un halo de sospeita a cada un dos seus habitantes. É un intenso thriller cheo de sorpresas, onde o secuestro de Marta Labrada dá pé a unha historia de vinganza en que misterio e suspense conducen o espectador por este pequeno lugar cheo de segredos.

Rosa Vargas, tenente novata da policía xudicial da Garda Civil afanarase en pescudar que lle puido ocorrer á moza e así resolver o seu primeiro caso. Contará coa axuda do cabo Mauro Seoane e do brigada Alberto Figueroa, gardas civís do cuartel de Murias.