"Maldigo o ferro carril, / carros con lume e vapor, / que cal lóstrego sutil, / arrebatan de Madril / o meu amigo millor". Francisco Añón dedicáballe en 1873 o poema que empeza con estes versos ao seu "querido amigo" Juan Bautista Neira, "salvado providencialmente no descarrilamento de Viana", o accidente acontecido dous días antes nunha ponte sobre o río Douro. Parte do canto ao enxeñeiro lugués pode lerse agora nun dos manuscritos que acaba de doar á RAG o seu descendente Enrique González-Añón Villar.