O programa Zigzag da Televisión de Galicia (TVG) contará hoxe coa presenza de Tonecho Otero, director do Festival de Cinema Fantástico da Coruña, que celebrará a súa décima edición do 13 ao 21 de outubro e que ofrecerá mesas redondas, conferencias, obradoiros e proxeccións arredor deste xénero cinematográfico. O certame deste ano está dedicado á temática sexo, provocación e censura, coa obra de autores cuxa fantasía resultou especialmente transgresora ou subversiva, ata o punto de pagar a súa ousadía coa censura, o ostracismo ou o exilio.

Ademais, os espectadores verán unha reportaxe sobre Ciclón Compostela, un proxecto artístico coordinado por David O´Silva e Misha B. Golas desde a mostra Impresións e Continxencias, coa colaboración da cineasta Jaione Camborda.

As estreas de carteleira terán o seu oco no programa, que lle dedicará unha especial atención á chegada ás salas de A sombra da lei, a nova película de Dani de la Torre, con Luís Tosar como protagonista.

Por outra banda, A Revista afondará na psicoterapia con animais, que se emprega cada vez máis para superar experiencias traumáticas ou como técnica de relaxación. O programa desprazarase ata Velle, onde un centro emprega 70 animais para axudar os seus pacientes. Cabalos ou gatos son a mellor menciña nalgúns casos. Ademais, o espazo estará en directo en Minervigo, na vixésimo primeira edición do Salón de Minerais, fósiles, xemas e conchas.