A celebración da Semana da Tortilla, unha das citas gastronómicas con maior afluencia das Mariñas, será o pretexto perfecto para que o equipo de Aquí Galicia se achegue hoxe á localidade de Betanzos e coñeza tamén as súas xentes e as riquezas da súa contorna. Desde a praza irmáns García Naveira, o espazo que presentan Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña realizará un percorrido polos espazos naturais do concello e polos tesouros turísticos da súa zona monumental e histórica, declarada conxunto de interese; coñecerá a súa variada oferta de establecementos hostaleiros, e aproveitará para acompañar os betanceiros polas rúas da localidade, todo un verdadeiro paraíso para os amantes do tapeo e dos viños.

Betanzos é das vilas galegas onde a tradición indiana ten unha fonda pegada. Por iso, o espazo coñecerá a herdanza dos irmáns García Naveira, coma o parque do Pasatempo ou edificios como o asilo ou as escolas.

No apartado gastronómico, Aquí Galicia aproveitará a exaltación da tortilla para coñecer todos os segredos que ten a súa elaboración co gañador da Mellor Tortilla, certame en que participaron un total de 21 locais. Tamén participarán no programa o gañador e finalistas do certame da Semana do Pincho e, como curiosidade, descubrirase o bolo da Madalena, unha delicia culinaria que só se elabora en Betanzos.

Completan os contidos desta edición as variadas propostas musicais que ofrecerán a orquestra Palladium ou o grupo de baile Azougue.