O espazo Pescadores de Historias da Televisión de Galicia (TVG) contará esta tarde como pescan os mariñeiros de Fisterra a robaliza, un dos peixes máis valorados, tanto na gastronomía mariñeira coma entre os bos pescadores. O motivo é o seu sabor tan especial e que a súa pesca apaixona os mariñeiros que a practican, pero é unha pesca perigosa, porque xeralmente se realiza en rompentes, onde as embarcacións poden esnaquizarse contra as pedras.

Un dos grandes pescadores de robaliza de Fisterra, Manuel Antonio Castreje, levará o equipo de Pescadores de Historias na súa embarcación. El aprendeu dos vellos mariñeiros da vila e, polo tanto, quere ser fiel á tradición e é un defensor da pesca sostible. Outro apaixonado desta pesca e da vida mariñeira é Agustín Traba Tinito, cuxa vida non ten sentido se non está relacionada co mar, a pesar de que tivo cinco naufraxios.

A robaliza hai que vendela na lonxa, onde polo xeral alcanza prezos moi interesantes para os mariñeiros, como Julio Sar, que explicará porque é unha das especies de maior facturación. Tamén falará da venda da robaliza a peixeira María José Santos.

Visita ao Museo da Pesca

Ademais, o programa pasará polo Museo da Pesca de Fisterra, un lugar onde se atesoura moito saber mariñeiro, e farao cun dos maiores expertos da cultura da pesca en Galicia: Alexandre Nerium, o guía do museo, que comentará como se facían orixinalmente as liñas para pescar a robaliza. E, para xantar un bo exemplar, o presentador do espazo da TVG, X.H. Rivadulla Corcón, irá ao restaurante O Centolo, un dos establecementos cunha maior tradición de Fisterra, onde agardan Juanjo Rey e Victoria Domínguez para preparar unha robaliza á tella, unha receita da súa propia creación.