A Real Academia Galega (RAG) acolleu esta mañá o acto de entrega dos premios da segunda edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras ao CEIP Anxo da Garda (A Coruña), ao CPI Virxe da Cela (Monfero) e á EEI do Milladoiro (Ames). A iniciativa forma parte do proxecto web Primavera das Letras, que fornece a comunidade educativa de recursos arredor da vida e da obra da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas.

A celebración contou con máis de 100 nenas e nenos dos tres centros gañadores acompañados dos seus docentes. Cada grupo tomou a palabra para explicar como celebraron o Día das Letras Galegas dedicado á escritora María Victoria Moreno e mesmo interpretar algunha das pezas creadas arredor do 17 de maio. Déronlles a benvida o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey, quen conduciu un acto no que tamén estivero representantes de Galaxia, Urco Editora e Bolanda Edicións, doadores, xunto con Xerais, dos lotes de libros que compoñen os premios.