O espazo A Xantar! da Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá esta noite unha nova viaxe polos mellores establecementos de Galicia, onde comer en cantidade, con calidade e a bo prezo son sinónimos.

No programa desta semana, farase un percorrido por tres establecementos en que todas as preparacións pasan pola grella: La Escondita, na Coruña, o restaurante Pirixel, en Arteixo; e o mesón A Brea, en Palas de Rei.

Na noite gastranómica da TVG, o espazo O Caderno de Isabel, unha aposta pola cociña galega no seu sentido máis tradicional, visitará a península do Morrazo, concretamente os concellos de Cangas e Bueu. Rodeados das ricas rías de Vigo e Pontevedra, o peixe e o marisco non pode faltar nos menús dos morracenses. Isabel cociñará rinchas, que igual que nomes, teñen diferentes xeitos de prepararse, verá a importante produción de mexillón e o saboroso peixe á prancha.

Para isto, Isabel percorrerá varios quilómetros no seu pintoresco coche, ao que irá subindo a diferentes veciños desta vila olímpica. Finalmente, todos eles serán convidados a degustar os pratos elaborados durante o programa nunha xuntanza final cunha escena bucólica.

Momentos coma a viaxe pola ría de Pontevedra subida ao recuperado bote polbeiro ou o paseo polas viñas de variedade Tinta Femia de Cela fan deste programa un formato televisivo gastronómico diferente.

'Larpeiros'

Hai peixes que xa pasaron pola mesa dos Larpeiros, pero cos que non cociñan todo o que lles gustaría, coma o rodaballo, a robaliza, o sanmartiño, o ollomol ou os salmonetes. Xa ninguén se acorda da última vez que se prepararon salmonetes e hoxe o programa quere acabar con esta inxustiza, xa que, a pesar de que ten moitas espiñas, sobre todo cando son pequenos, é un peixe moi saboroso.

Será escoitar salmonetes e Benigno Campos xa terá en mente unha receita coa que sorprender os seus compañeiros. E, para que as espiñas non sexan un problema, pensa cociñar este peixiño dun xeito moi especial: salmonetes do señor cura, unha receita tradicional e moi elegante que se fai cos peixes desespiñados.

Do primeiro prato encargaranse Leni e o cociñeiro convidado desta semana, Carlos Parra, que agasallarán o resto dos Larpeiros cunha crema de allo porro ou vichyssoise, como a chaman os franceses.

Pola súa parte, Adrián, o larpeiro máis viaxeiro ten hoxe ganas de ostras, así que collerá rumbo a Cambados para coñecer todos os segredos da súa cría en batea.